Unha nova etapa para Galicia

jueves, 2 de julio de 2009

Despois dun tempo desaparecido, volvo tomarlle fío ao blog. Estes teñen sido meses de vértigo, dunha intensidade que só é comparable á importancia do que temos conseguido. Gañamos as eleccións e un novo goberno traballa con optimismo o futuro de Galicia. Todo o que arelabamos xa está sendo.

Iniciamos unha nova etapa e iso ten o seu aquel. Tamén ao nivel persoal. De repente veste sentado nun despacho e se suceden as xornadas vibrantes para saber dos recursos cos que contas, do que se prometeu e non se fixo, do que se fixo e era prescindible, de todo o pendente... E por suposto (e sobre todo) para definir novos proxectos.

Temos traballo por diante: moitos dos compromisos asumidos polo bipartito non se cumpriron e, máis aínda, non se soubo priorizar gastos para atender ao realmente necesario.

Sinceramente, creo que houbo moito de propaganda e pouco de investimento realmente produtivo. Os xa famosos buratos veñen tamén de aí, dunha fuxida cara diante na xestión e dunha acción política a miúdo artificial e desconectada da realidade.

Son tempos difíciles, pero creo sinceramente que Galicia conta co mellor goberno dos posibles nesta nova etapa. Existe un equipo compacto e ben compensado. Un goberno a imaxe da pluralidade e diversidade da sociedade galega, que fai do traballo e da entrega claves fundamentais para impulsar un programa político en positivo, sen consignas e sen estridencias.

Sen dúbida, os próximos anos van ser decisivos. Temos na man debuxar unha nova fronteira de oportunidades para Galicia. Superar a crise é o primeiro paso, freando a sangría do desemprego e articulando verdadeiros servizos e recursos para o benestar das persoas. Esta é a aposta, unha aposta que deberemos construír sobre a base do traballo compartido e a suma de esforzos. Nese camiño andamos xa, logo de acadar a confianza maioritaria da cidadanía galega.

A todos os que tedes traballado para facer desta vitoria unha realidade ilusionante, moitas grazas. E a todos os que vos achegades a este espazo, sabede que de agora en adiante fago o firme propósito de atopar tempo para escribir nel. Será un bo momento de reflexión e de calma.

A festa de Quintana coas mulleres

miércoles, 17 de diciembre de 2008

Disque ó Sr Quintana non lle importa que o critiquen a el, pero non tolera que lle falten ó respeto ás mulleres que o domingo pasado foron convocadas – sen aviso previo- a un mitin do Bloque en Silleda, baixo a excusa de non se sabe ben que programa da Xunta de Galicia.

Víaselle nas fotos moi contento ó vicepresidente, pensando seguramente en cómo estaba a amolar a Touriño, que á mesma hora competía con él (qué novidade) na proclamación como candidato que lle montara Ferraz.

É o que hai: dous gobernos con dous presupostos,
independentes entre sí e, en ocasións -como ésta-, mesmo enfrontados.

Tería moita gracia senon fóra porque os 300.000 euros que debeu custar o sarao de Quintana o pagamos tódolos galegos a través dos Orzamentos dunha Vicepresidencia (a súa, como él dí) que segue, a día de hoxe, sen pagarlles un céntimo ós milleiros de dependentes que, eso sí, foron bombardeados -e seguen a selo- por unha propaganda oficial tan cara como mentirosa.

E que non veña decindo que non sei de qué falo, que ó mellor podería sacarlle as cores.

Estaría ben ver a Quintana explicándolle ós dependentes, ós seus coidadores, ou mesmo ós que se van ó paro cada día, que 300.000 euros é unha cifra “insignificante” cando se trata de contraprogramar a Touriño.

En todo caso, é bo saber que ó señor vicepresidente xa non lle importa que lle critiquen; sería bo que llo dixera ós alcaldes que osaron cuestionalo e, como non lle pediron perdón, levan xa seis meses castigados sen cartos das Consellerías do BNG.

Recién chegados de Caracas

lunes, 15 de diciembre de 2008

Recien chegados de Caracas, a onde nos marchamos o mércores pasado, Manolo Ruiz, portavoz parlamentario, e un servidor, respondendo á invitación dos nosos compañeiros do Partido Popular de Venezuela para participar na "Vinada de Fin de Ano".

Sinceramente, non resulta sinxelo explicar a experiencia. A situación actual en Venezuela é todo menos fácil: unha altísima inseguridade cidadá, caos nos servizos públicos, omnipresencia político-militar do réxime de Hugo Chávez ata extremos asfixiantes, miles e miles de chabolas rodeando Caracas...

Pero nada pode cos nosos paisanos: aglutinados en torno á Irmandade Galega, seguen sendo un exemplo de como se pode estar e sentirse en Galicia a miles de quilómetros de distancia, esforzándose por conservar, máis vivas cada día, todas as nosas tradicións e o mellor da nosa terra: e isto é algo que só indo alí pódese comprobar.

Tanto o xoves, en Caracas, como o venres, en Maracay, tivemos a oportunidade de reunirnos con centos de paisanos que se envorcan e traballan por Galicia e polo noso Partido cunha ilusión e unha entrega da que todos deberiamos tomar exemplo.

Grazas aos galegos/as do PP de Venezuela, polo seu recibimiento e por todas as atencións que nos dedicaron estes días; grazas pola súa confianza na nosa vitoria e, sobre todo, polo exemplo que nos dan, tan lonxe e en circunstancias que son todo menos boas.

Agora, que Touriño lles explíque porque non pensa facer nada para garantir que poidan votar limpiamente e coas garantías que se merecen.

Director de campaña

viernes, 5 de diciembre de 2008

Como dí o noso lema de precampaña, CHEGOU O MOMENTO.

Neste caso, tamén de estrear o BLOG, e ningún día mellor que o de hoxe, no que o Comité de Dirección do PPdeG decidiu encomendarme a que probablemente sexa, a día de hoxe, a meirande responsabilidade da miña vida.

Hoxe, os meus compañeiros me designaron, a proposta de Feijoo, coordinador da campaña electoral das próximas eleccións autonómicas; as eleccións seguramente máis importantes en moitísimo tempo, porque Galicia vive unha situación moi difícil.

Solo vale gañar, e iso é o que imos facer, con ilusión, con paixón e con unidade. Temos o mellor Partido, o mellor candidato e as propostas que agora mesmo fan falta.

Queda explicalas, facer partícipes a todos: faremos unha campaña de información sobre a nosa alternativa ó bipartito, sen demagoxias e con responsabilidade, e pegados ós problemas que de verdade lle preocupan á xente.

E, por suposto, austera: ninguén entendería, neste momento, que non fose así: non se trata de dar exemplo- que tamén- senon sobre todo de ser consecuente coas dificultades que atraviesan cada día máis galegos e galegas. Queda ver si os demáis farán o mesmo.


Traballerei para corresponder á confianza que se pon en mín: se a maioría absoluta se mide en traballo, adicación e ilusión, a victoria xa o temos ó alcande da man.


Que Touriño convoque as eleccións cando queira. O Partido Popular de Galicia estará preparado.

Benvidos!

miércoles, 26 de noviembre de 2008

Dende que cheguei á Secretaría Xeral do PPdeG, tiven claro que Internet era unha das nosas asignaturas pendientes. Procurei, na medida das miñas posibilidades, apoiar tódalas iniciativas que buscaran potenciar a nosa presencia na rede, axudando a coñecer mellor o noso Partido e, sobre todo, ós que nel militamos.

Moitos dos meus compañeiros/as o tiveron claro dende o principio, e hoxe teñen blogs en Internet con moitos seguidores e que, sinceiramente, da gusto ler, e dos que agardo aprender moitas cousas.

Hoxe (moito máis tarde do que deberíalo feito) debuto co meu propio blog, modesto e sen outra pretensión – e compromiso- que escribir e mantelo de xeito persoal e artesanal, e coa ilusión de pretender que sirva para estreitar lazos e intercambiar opinións, ideas e bo rollo con todos aqueles que navegan por ese inmenso espacio de liberdade que é INTERNET.

Moitas gracias, por anticipado, a todos.

¿Quen son?

Nacín en Pontevedra, no mes de Xulio do ano 1968; acabo de cumplir, pois, os temidos (para moitos) 40 anos. Estou casado e teño duas fillas, de catro e cinco anos.

Estudiei o bacharelato no Colexio San Narciso de Marín, e no Instituto Valle-Inclán de Pontevedra. Fixen Dereito en Santiago de Compostela, e máis tarde preparéi as oposicións a Secretario de Administración Local. O meu último destiño foi o Concello de Cambados, e durante cinco anos fun Director Xeral de Administración Local na Xunta de Galicia.

Me afilié ó PPdeG en 1990; dende Xaneiro de 2006 ocupo á Secretaría Xeral, logo de que Feijóo confiara en mín para este posto; antes fun presidente de Novas Xeracións de Pontevedra e dende sempre traballei como un máis dos miles e miles de afiliados de base, que, sen ningunha dúbida, son os que realmente consiguen facer do meu partido o máis importante de Galicia.

A política é paixón, e así procuro exercela día a día, pero sen esquecer que a vida ten outras moitas cousas importantes que tamén merecen a pena; intento, no tempo libre que me queda, non perderme de todo os mellores anos das miñas fillas, estar cos amigos e disfrutar ó aire libre, por exemplo facendo o Camiño de Santiago do que son un fanático: tódolos anos (dende hai máis de dez) procuro adicarlle unha semaniña.

Creo nas persoas e na súa liberdade por enriba de todo, na forza inmensa dos equipos ben avenidos e na necesidade de respetar para que te respeten.

Se me ocurren moi poucas cousas que non se podan facer se de verdade se lle botan ganas, ilusión e traballo.